FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

As XVII Xornadas da Federación Alzhéimer Galicia incidiron na resposta da OMS ás demencias e na atención a través do Plan Nacional de Alzhéimer en Irlanda

O Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, foi o encargado de inaugurar o evento, que reuniu a máis de 200 profesionais do ámbito das demencias en Galicia

08/05/2019

Durante o evento, tivo lugar a firma do convenio de colaboración entre a Federación e a Consellería de Sanidade quen destina 64.000€ a actividades de información e apoio ás familias coidadoras de persoas con alzhéimer.

A Federación Alzhéimer Galicia celebrou o pasado sábado a XVII edición das súas xornadas formativas en alzhéimer e outras demencias, que reuniu na Facultade de Psicoloxía de Santiago de Compostela a máis de 200 profesionais adicados ao ámbito das demencias en toda Galicia e fóra dela.

Este evento formativo foi inaugurado polo Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, acompañado polo Presidente de FAGAL, Juan Carlos Rodríguez, e a Vocal, Sara Ruíz Salgado. O titular do departamento autonómico mostrou o apoio da consellería ás asociacións de alzhéimer e animounas a continuar impulsando novas ideas para mellorar a calidade de vida das persoas cunha demencia.

A resposta da OMS ás demencias e o Plan Nacional de Alzhéimer de Irlanda.

Esta XVII edición das Xornadas comezou cunha aproximación á resposta da Organización Mundial da Salúd para coas demencias, da man da consultora Stefanie Freel. Quen achegou claves para o deseño de estratexias que permitan posicionar a Galicia como referente na atención e intervención en demencias a nivel estatal.

Por outra banda, as persoas asistentes puideron coñecer de primeira man o traballo realizado pola Sociedade Irlandesa de Alzhéimer, a través do seu director executivo Pat Mcloughlin. Ademais de propiciar o intercambio de experiencias entre os nosos proxectos e os que levan a cabo en Irlanda, este encontro serviu para a creación de lazos que posibiliten futuras colaboracións.

Comunicación non verbal, indicadores de calidade e o traballo das asociacións.

Nun apartado máis práctico, María Fraile, Terapeuta Ocupacional e Risoterapeuta, foi a encargada de abordar a importancia da comunicación non verbal entre o persoal sociosanitario e as persoas con demencia, animándonos a prestar atención ao noso ton de voz e postura corporal, ao mesmo tempo, de aprender a ler as posturas do outro. Polo seu lado, María Eugenia Fernandes Montilla, auditora, deu as claves para avanzar cara ao camiño da excelencia en canto á calidade da xestión, buscando a implementación de indicadores de calidade nas asociacións.

Así mesmo, nestas xornadas tamén houbo tempo para dar a coñecer o traballo que se está desenvolvendo nas asociacións de alzhéimer galegas. Nesta ocasión expuxéronse os traballos de 6 asociacións. En primeiro lugar AFAMO, a través de Martina Ferradás e Rocío Romero contaron a súa experiencia de colaboración co Concello para a implementación de talleres de detección precoz e como isto supuxo un aumento na súa rede de intervención; en segundo lugar, Nerea Rey foi a encargada de presentar o proxecto interxeracional de AFACO “O camiño pola memoria” que consistiu en realizar etapas do camiño de Santiago cos máis pequenos e en cada poboación realizar actividades coas persoas maiores da asociación de referencia da zona. En terceiro lugar desde AFAGA presentouse unha revisión de diferentes intervencións grupales de acompañamento a coidadores/ as familiares por Gonzalo Soliño. En cuarto lugar AFAOR a través de Andrea Álvarez, expuxeron os talleres de prevención da deterioración cognitiva impartidos pola asociación. En quinto lugar, AFAL Ferrol presentou o seu proxecto “Mestres e aprendices da vida” por Rita Touza e Silvia Terán. E por último, AFACHAN presentou de man de María Luz Vázquez e André Espiñeira un Obradoiro de composición musical.

Clausura das Xornadas

As Xornadas finalizaron, un ano máis, deixando espazo para a arte, nesta ocasión da man do musicólogo Xavier Branco mostrando a súa experiencia de anos de traballo con persoas con demencia a través de instrumentos pobres construídos con elementos cotiáns e que ademais combina á perfección coa cultura e música tradicional Galega.

A Xefa Territorial de Política Social da Coruña, María Blanco Aller acompañada polo Presidente de FAGAL, Juan Carlos Rodríguez, e a vocal, Sara Ruiz Salgado, foi a encargada de clausurar estas XVII Xornadas.

Arquivada en: