Noticias 

AFABER organiza uns cursos de Iniciación á Informática e de Redes Sociais para persoas maiores de 55 anos

Os cursos terán lugar en Carballo durante os meses de marzo e abril e terán un custe de 7€ mensuais para os socios e 15€ para os non socios

03/03/2020 | Carballo

Hoxe darán comezo en Carballo os cursos de Iniciación á Informática para maiores de 55 anos e o de Redes Sociais organizados por AFABER. Ambos cursos se celebrarán todos os martes durante os meses de marzo e abril no Pazo da Cultura do Concello de Carballo: o de Iniciación á Informática terá lugar de 10:00 a 11:00h, mentres que o de Redes Sociais se celebrará de 11:00 a 12:00h.

O obxectivo fundamental destes dous cursos é conseguir que unha persoa que non saiba como empregar un ordenador poida chegar a manter unha autonomía no seu uso. Deste xeito, búscase que as persoas poidan levar a cabo actividades como buscar información en Internet, ler xornais ou escribir unha carta, ao mesmo tempo que promoven a súa saúde e evitan o aillamento social. 

O custe económico de cada un dos cursos será de 7€ mensuais para as persoas socias de AFABER e de 15€ para os non socios. Sen embargo, existirá un descontó para aquelas persoas que desexen realizar os dous.

Ademais, o mércores 4 de marzo terá lugar a reunión mensual do Grupo de Apoio de Familiares de Persoas con Alzhéimer. Este grupo, que estará dirixido pola psicóloga Lara Rodríguez de las Heras, busca fomentar a saúde e a reducción do malestar psicolóxico. Celebrarase ás 20:15 horas no local da asociación (Rúa Camelias, 2 – baixo).

Por outro lado, o próximo 10 de marzo levarase a cabo unha Asamblea Xeral de Socias e Socios de carácter ordinario no local de AFABER.

 

Arquivada en:
Inventario de recursos > > AFABER