FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

AFAMO leva a cabo un programa a domicilio de estimulación cognitiva, física e funcional

Este servizo, que chega a 58 domicilios e no que traballan 21 persoas, busca manter ou retrasar o deterioro das capacidades das persoas con demencia que se ven privadas de acudir ós centros de día

30/04/2020 | Morrazo

Debido á situación sanitaria actual, dende AFAMO puxeron en marcha un servizo a domicilio de estimulación cognitiva, física e funcional, apoio sanitario e psicolóxico dirixido a persoas con alzhéimer e outras demencias.  Esta iniciativa, que se configura como un Programa de Atención Individualizado, ten como obxectivo principal manter ou retrasar o deterioro das capacidades das persoas agora que non poden acudir ós centros de día onde levaban a cabo as actividades habituais.

Este programa chega despois das primeiras semanas de confinamento, nas que o persoal da asociación do Morrazo continuou apoiando ás persoas con demencia e ás súas familias a través dun contacto periódico no que indicaban directrices e consellos para unha mellor adaptación á nova situación. Ademais, tamén lles facilitaron material e actividades para que puidesen crear unha nova rutina de traballo.  

Non obstante, e debido ao avance no deterioro das capacidades das persoas con alzhéimer e a sobrecarga que están a sufrir as familias e persoas coidadoras, a asociación decidíu poñer en marcha este programa.

O equipo de traballo, que está presente nun total de 58 domicilios, está formado por 21 persoas: unha coordinadora, unha traballadora social, unha educadora social, unha enfermeira, unha fisioterapeuta, un terapeuta ocupacional, dúas psicólogas e trece xerocultoras. Ademais de contar con varios equipos de protección individual, todas elas recibiron formación específica en prevención de riscos e medidas de seguridade antes de iniciar este programa.  

Arquivada en:
Inventario de recursos > > AFAMO