FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Noticias 

A asociación AFAN pon en marcha un programa de prevención do deterioro cognitivo

O programa está destinado a maiores de 55 anos e se desenvolverá na sede da entidade en Burela

 

28/02/2023 | Burela

A Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias (AFAN) de Burela poñerá en marcha no mes de marzo o Programa Move a Mente, un programa pioneiro de prevención do deterioro cognitivo e detección precoz das demencias dirixido a persoas maiores de 55 anos. Será totalmente gratuito para os asistentes grazas á subvención concedida para a realización de programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tribuitaria do 0.7% do IRPF (Consellería de Política Social e Xuventude – Federación Alzheimer Galicia).

 

Con este programa a entidade non só pretende estimular e manter as capacidades cognitivas dos asistentes senón que realizará un cribado a través dunha valoración cognitiva inicial de cada participante, así como outra de seguemento e unha final, co fin de detectar de xeito precoz calquera indicio dunha posible demencia e poder así derivar e atender a tempo estas doenzas. Para iso a entidade conta cun equipo multidisciplinar formado por profesionais especializados que se encargarán de levalo a cabo ao longo de todo o ano.

 

O programa terá lugar na sede social, cedida polo Concello de Burela, que a asociación ten ubicada na Casa do Mar de Burela e conta con 20 prazas que poderán ser distribuidas en dous grupos de traballo e en sesións de dúas horas semanais.

 

As persoas interesadas poden inscribirse previamente chamando ao teléfono 982580610 .

 

Arquivada en:
Inventario de recursos > > AFAN Burela