FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Axenda de Actividades

A Federación Alzhéimer Galicia pon en marcha a campaña do Día Mundial do Alzhéimer 2020: 'Tecendo rede, tecendo recordos'

“Tecendo rede, tecendo recordos” é o lema elexido para este ano, no que o acto principal será unha exposición fotográfica o día 19 de setembro na Praza da Quintana de Santiago de Compostela

03/09/2020 | Santiago de Compostela

A crise sanitaria ocasionada polo Covid-19 produciu un parón sen precedentes na sociedade galega, implicando consecuencias moi serias nas persoas cunha demencia neurodexenerativa, e por extensión das persoas coidadoras, que facían uso dos centros e unidades de estimulación terapéutica.

Por este motivo, a Federación e as asociacións membro mantiveron na medida do posible a súa actividade, onde o seguimento continuado coas familias e as persoas usuarias foi sempre o súa principal prioridade. Tal e como afirmaba Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, presidente da Federación Alzhéimer Galicia, “a demencia, o alzhéimer, non se detén. Non podemos permitir que as rutinas e as actividades de estimulación tan beneficiosas para o retardo do avance da enfermidade se paralicen”. Así pois, mediante videochamadas, seguimento telefónico, envío de actividades de estimulación cognitiva, vídeos de actividades funcionais e estimulación a domicilio conseguimos seguir tecendo rede, tecendo recordos.

O Día Mundial do Alzhéimer 2020 xira entorno a este traballo continuado que dende a rede de asociacións de alzhéimer de Galicia se veu facendo dende sempre, pero con máis esforzos se cabe durante a pandemia da Covid-19. Por este motivo, o lema elixido para este ano é “Tecendo rede, tecendo recordos”, buscando amosar a importancia do labor continuado desempeñado pola rede de asociacións para o mantemento e mellora da calidade de vida das persoas usuarias e as súas familias nesta situación excepcional.

O acto principal deste ano 2020 será unha Exposición Fotográfica que amose este traballo diario que realizan as 15 asociacións galegas de alzhéimer para seguir poñendo en valor esta idea. Esta exposición poderá ser visitada por todas as persoas interesadas durante a xornada do sábado 19 de setembro na Praza da Quintana de Santiago de Compostela. Ademais, durante ese día farase unha conexión con todas as asociacións, rememorando as celebracións conxuntas de anos pasados, onde se leran as reclamacións da Federación para este ano.

Ademais do acto principal, nas redes sociais estanse publicando cada semana dende agosto vídeos informativos sobre o alzhéimer e sobre as funcións da Federación que nos sirven para achegar a nosa labor a máis persoas.

Por último, se es un familiar, unha persoa coidadora ou simplemente estás interesadx en participar na campaña do Día Mundial deste ano tamén podes facelo. Propoñemos dúas formas diferentes:

  • A primeira delas consistiría en compartir unha foto dalgunha persoa con demencia da túa contorna realizando calquera exercicio ou actividade que axude a mellorar a súa vida diaria e que forme parte da súa rutina. Ademais, podes explicar por que esta actividade é boa para a persoa e como a axuda.
  • A segunda delas consistiría en imprimir o cartel que adxuntamos (podes atopalo na marxe dereita da páxina web do Día Mundial 2020, no apartado de Materiais relacionados) e sacarte unha foto con el.

Unha vez que teñas as fotografías, podes compartilas nas túas redes sociais, engadindo o hashtag #TecendoRecordos para que xuntxs sigamos tecendo rede.

Arquivada en: