FAGAL | Federación Alzhéimer Galicia

Día Mundial 2024

Desde - Hasta: 01/01/2024 - 31/12/2024

  Presentación: Os sentidos da memoria

No complexo mundo das demencias neurodexenerativas, as terapias non farmacolóxicas cobran unha gran importancia no tratamento de persoas con demencias neurodexenerativas como o Alzheimer. Estas terapias, que abordan aspectos cognitivos, emocionais e conductuais da enfermidade, son fundamentais xa que a farmacoloxía ás veces só ofrece alivio parcial. É de destacar o papel da estimulación sensorial, que a través de actividades culturais, como a gastronomía, pode proporcionar conexión significativa coa contorna, desencadeando recordos, emocións e respostas motoras en persoas con demencia.

Este ano o proxecto Os sentidos da memoria busca aproveitar estas vantaxes da estimulación sensorial a través de actividades gastronómicas en Galicia. Co apoio do Grupo NOVE, as 15 asociacións da Federación Alzhéimer Galicia, levarán a cabo 27 receitas deseñadas, preparadas e executadas por persoas con demencia. Este enfoque non só promove a inclusión social das persoas con demencia, senón que tamén contribúe a reforzar a súa autoestima e sentido de pertenza. Ademais, o proxecto busca preservar e difundir as tradicións culinarias locais, así como fomentar o comercio de proximidade.

  Actividades

Os sentidos da memoria difunde a cultura galega a través da gastronomía tradicional, implicando a persoas con demencia das 15 asociacións que conforman FAGAL.

O proxecto promove a interacción das persoas cunha demencia na súa contorna, colaborando as familias, veciñanza, asociacións, empresas e comercios locais, para crear unha sociedade comprometida co Alzheimer.

Prestamos atención á reminiscencia utilizando obxectos e aromas para conectar con recordos persoais asociados á comida. É importante destacar a colaboración de cociñeiros de prestixio como son os membros do Grupo NOVE para a preparación das receitas tradicionais e o compromiso de empresas e entidades solidarias co Alzhéimer.

  Resultados

Como froito deste proxecto e de todas as actividades realizadas, elaboraranse diferentes materiais de sensibilización:

Un receitario solidario que incluirá receitas típicas de cada localidade e historias de reminiscencia das persoas usuarias.
Unha reportaxe documental para dar visibilidade ás actividades realizadas nas asociacións.

Os resultados serán difundidos a través das redes sociais da Federación Alzhéimer Galicia, notas de prensa e novas na páxina web, así como na Newsletter mensual. As entidades que apoiaron o proxecto Os sentidos da memoria terán presenza e o noso agradecemento na web da Federación.

No Día Mundial do Alzhéimer en setembro de 2024, as asociacións de persoas con demencia de Galicia reuniranse en Santiago de Compostela para presentar o recetario e a reportaxe, poñendo en valor o traballo das asociacións membro de FAGAL e a inclusión social das persoas con demencia.

  Apoios do proxecto

A Federación Alzhéimer Galicia desexa expresar o seu sincero agradecemento ás empresas e entidades solidarias que fan posible Os sentidos da memoria. Grazas ao seu apoio e confianza o proxecto poderá difundir a cultura galega a través da gastronomía tradicional, implicando a persoas con demencia e promovendo a súa inclusión social. Sen a súa contribución, este proxecto non sería unha realidade. A xenerosidade destas empresas e entidades ten un impacto positivo na comunidade e na calidade de vida das persoas con demencia e os seus coidadores.

Máis información

1. Patrocinadores

2. Colaboradores